Pechado por traslado dende o 20-5-2006. Estou en http://malodeaturar.blogaliza.org

quinta-feira, janeiro 06, 2005

O meu único día monárquico...

Pois si, realmente hoxe é o meu único día monárquico de todo o ano, e por motivos evidentes, os Reis Magos teñen un non sei que de simpatía especial. Cómpre ademais termos en conta que o único que tiñan de reis estes homiños era o nome, cousa que lles engade aínda máis valor. Sexa como for, o caso é que rematan estes días de paz e concordia e a partir de mañá mesmo terémonos que entregar ao consumismo salvaxe -agora nas rebaixas, que é o que toca- sen ningún tipo de excusas sentimentais ou mesmo relixiosas -que valor!, que lle foran ao Neno Xesús cun reprodutor mp3 ou cun Pentium 4, a ver que dicía-.
De calquera xeito, non é a fin das vacacións -que tamén- o que me perturba, senón o feito de que mañá parto rumbo a España. Aínda que é só por tres días escasos, non podo evitar que isto me produza unha certa inquedanza. Queiras que non, que un policía dos mal chamados nacionais te identifique por Santiago adiante ou mesmo por Lugo, pois ten un pase; son as forzas coloniais, é o que teñen que facer. Pero alí, na súa casa, a ver que lles dis... e claro, tendo en conta que che ven a cara e que agora andan aínda máis paranoicos dos nervios coa amenaza estremista así en xeral. O mesmo pensan que son un emisario de Ibarretxe ou Carod Rovira ou mesmo de Roviretxe, denominación que escoitei na COPE. Se é que teñen unha chispa que non se teñen... Neste estado de cousas, só me queda encomendarme a alguén de por aí arriba ao pasar a fronteira e conter a respiración ata o domingo. E Santas Pascuas.