Pechado por traslado dende o 20-5-2006. Estou en http://malodeaturar.blogaliza.org

quinta-feira, janeiro 27, 2005

Non sei ser de raza capitalista...

Hoxe estiven en El Corte Inglés. É absolutamente horríbel. Eu xa coidaba que non había moitas posibilidades de me poder adaptar ao 100% no sistema capitalista e esas cousas, pero hoxe ratificouse. Varios sucesos que relatarei a continuación trastornaron a miña mente:
1º-Sorpréndome gratamente ao ver na sección de discos un cd d'A Quenlla que había tempo que buscaba. Xa estaba disposto a pagalo cando me decatei de que estaba no apartado de música "regional gallega". A miña conciencia colleu o CD e deixouno onde estaba.
2º-Fun á sección téxtil e despois de sortear diversas marcas e xerseis coa bandeiriña americana a prezos que insultaban conseguín chegar á zapatería, que era o que eu buscaba. Alí o calzado de, digamos, serie media, non existe. Ou mercas uns super ténis adidas de la muerte para correr unha maratón olímpica ou ben uns zapatitos de conselleiro. O termo medio non existe no universo capitalista, non señor.
Se todo isto o regamos con perfumes caros e señores, señoras y señoritas que te miran cunha ollada entre condescendente e desconfiada cando paseas pola sección de electrónica e informática (concretamente, a súa ollada é de "sé que no lo puedes pagar y aunque puedas no te lo mereces") a conclusión é: prefiro voltar ao Gadis que teño ao carón da casa, que xa sei que sufren de represión sindical e todo isto, pero a caixeira chámase Mary (si, con "y") e o fiambre aínda é fiambre, e mesmo hai iogures "Oro del Valle" -Feiraco xa non, que pecharon a planta de iogures-. Disto isto, convídovos a ser boíñ@s e a votar NON ao Tratado polo que se institúe unha Constitución para Europa. Santas Pascuas.