Pechamos por traslado
PECHAMOS POR TRASLADO
Dende agora, se aínda lle quedan gañas de ler as cousas que a un lle dá por escribir, terá que facelo en
http://malodeaturar.blogaliza.org
Pechado por traslado dende o 20-5-2006. Estou en http://malodeaturar.blogaliza.org
Ai, señora, non pense que teño a casa desatendida por aquilo de que dende o venres non dous sinais de vida, cousa especialmente significativa se temos en conta estas-fechas-tan-señaladas ou o meu novo paseo/intervención televisiva previo pago-de-ecuador (chiste barato). É que un servidor leva uns días aquelando os detalles da mudanza, e claro, entre meter todo en caixas e moverse por medio dos operarios (que se o gotelé, que se onde van os libros, etc.) das reformas da casa nova, non dá feito. No entanto, aquí lles deixo unha pegata bonita -unha de tantas das que puiden ver onte-. Seguiremos informando sobre os traslados.
Hai momentos da vida que merecen ser contados. Na miña breve, mais intensa, vida como condutor, aínda non tivera ningún encontro coa Lei e os seus representantes no Planeta Terra. Ata hai cousa de media hora. Dirixíame eu, en compaña do meu ascendente biolóxico feminino (léase nai) de volta da sinxeliña cea de cumpreanos atrasado de quen lles fala, no meu sinxelo utilitario. Á altura da Porta Nova da muralla de Lugo, as patrullas orozquianas ergueron o seu chirimbolo marelo fosforito en sinal de "me se va haciendo a un ladito" e si, aconteceu. O representante da Lei e a Orde orozquiana no Planeta Terra díxome buenasnochesestamoshaciendouncontroldalcolemia, pedíume o carné e ala, a inchar o fol. Eu, que non tomei a última Estrella da cea porque algo me dicía que o 0,15 estaba preto, soplei e despoi suspirei cando vin o 0,0. A verdade é que xa sería mala hostia.
Un servidor, na súa peregrinaxe económico-televisiva, recalou en Hai Debate!, cousa interesante, señora. Voulles contar todo o proceso (non interesa o tema do traslado en bus e tal, que iso vén sendo coma o do Luar ou o Supermartes (DEP), rollo becerreiro, vaia). O tema interesante é cando chegas a San Marcos e asinas un contrato EN ESPAÑOL DE ESPAÑA (olé) de cesión de dereitos da túa imaxe -de todas as imaxes vencelladas ao programa-. Logo fanche unha foto, para chamarte de recheo en series, programas e demais (que me chamen para O Programón ou para Volver ao rego, por Dioss). Quen che fai a foto? unha señorita de produción que foi, hai uns meses, a encargada de menesteres semellantes en certa campaña.
Hoxe é o Día da Liberdade de Expresión, escollido, entre outras cousas, para ser o día de festa da factoría de xornalistas de Compostela, algo que eleva o día case á categoría de santo... se a festa dunha facultade é o día do seu patrón, os patróns adoitan ser santos... así que hoxe vén sendo Santa Liberdade de Expresión.
Recén chegado a Galiza leo Vieiros e escoito a Radio. Nos dous sitios falan dunha iniciativa da Consellaría de Innovación e Industria que me ten moi boa pinta. A saber: aproveitando que o Día de Internet cadra co Día das Letras, ponse en marcha o proxecto "Máis Internet, máis galego, máis futuro", que aínda que só fóse pola ilustración que lle dá imaxe xa merece a miña atención (ese Castelao co PC portátil merece ser peza de museo!).
Se vostede pasou por aquí estes días e non atopou nada e aínda así volveu agora, merece, como mínimo, unha explicación da miña ausencia. Cóntolle: quen lle escribe colleu, a verdade é que nun primeiro momento sen moitas gañas -por cuestións xa citadas ou que non veñen ao caso-, e montou nun coche de alugueiro con tres individuos máis -o resto ían noutro coche- rumbo ao que en Madrí coñecen como "España verde" ou "provinciasvascongadas" ou "dondehayterroristas" e que eu prefiro chamar Euskadi ou Euskal Herria.